A Marea de Vigo a prol dunha candidatura galega de unidade popular

11893870_10153581452033384_1899156718038729828_o 

As preto de medio cento de agrupacións que participaron no encontro celebrado no Auditorio de Galicia, coincidimos na necesidade de traballar en común por un proceso aberto e participativo, sen ningún tipo de exclusións, de cara as vindeiras eleccións xerais. 
O obxectivo é ampliar o proceso iniciado nas pasadas eleccións do 24 de maio e non quedar illados en estratexias municipalistas, acordando que as “mareas” deben de dar o paso e traballar por ser un dos piares dos cambios que se están a producir na sociedade.
As candidaturas cidadás aló reunidas consideramos que o importante é poñer en valor o 90% que une a todas as sensibilidades inmersas nestes procesos, apostando pola defensa dos sectores públicos, a creación e cumprimento de códigos éticos, as primarias como método de elección de representantes, a transparencia na xestión, a participación cidadá na toma de decisións e a igualdade entre as persoas.

Creación dun grupo de traballo.

Levarase a cabo a creación dun grupo de traballo aberto á participación da xente das plataformas, que comezará a traballar antes do mes de setembro para a preparación de vindeiros encontros, recalcando a necesidade de que as candidaturas nomeen a unha persoa para que participe na xestión.

O debate nas asembleas de base.

As diferentes plataformas consideraron que o debate sobre a participación das distintas candidaturas debe darse nas asembleas de cada agrupación, que deberá comunicar ao grupo de traballo as conclusións e a dispoñibilidade de traballar nun espazo en común. Por cuestión de operatividade, considérase o horizonte da primeira semana de setembro como data límite para que se dea o debate nas distintas asembleas de base.

Pola unidade popular.

Concordaron en que non debe ser unha candidatura de siglas, senón que, pola contra, as adscricións serán a título individual, no que participen cidadáns de distintas sensibilidades que defendan uns principios mínimos, co obxectivo de crear unha candidatura galega de unidade popular.

Procesos non excluíntes.

Os dous encontros formulados ao longo do mes de agosto, tanto o do día 22 co Encontro Cidadán por unha Marea Galega como o do 23 co Banquete de Conxo 2.0, non son excluíntes ao proceso aberto polas mareas cidadás. Pola contra deben conxugarse, xa que consideramos que o obxectivo perseguido é similar.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone