Asemblea Xeral – 17/10/18

MAREA DE VIGO ESCOLLERÁ O VINDEIRO 10 DE NOVEMBRO Á PERSOA QUE ENCABEZARÁ A LISTA DA SÚA CANDIDATURA ÁS MUNICIPAIS DO 2019.

Na asemblea celebrada no día de onte, Marea de de Vigo aprobou por unanimidade o protocolo de primarias que utilizará para o proceso.

Vigo, 18-10-2018. O protocolo aprobado no día de onte fixa a data do 10 de novembro para a celebración do proceso de primarias, este terá lugar no local da Marea de Vigo (Camelias 85), e as persoas con dereito a voto, só o poderán exercer de xeito presencial e demostrando a súa condición de censadas en Vigo.

No documento de primarias, establécense tamén os prazos de peche de censo así como o da presentación de candidaturas e os requisitos das persoas que queiran candidatarse para cabeza de lista, que deberán asumir o programa e o manifesto da Marea de Vigo, así como ser avaladas por 10 persoas dos grupos de traballo da Marea de Vigo.

Para todo o proceso, que rematará na vindeira primavera, Marea de Vigo constituíu varios grupos de traballo, encargados de todas as tarefas relacionadas co desenvolvemento do mesmo, á marxe dos grupos que veñen funcionando nos últimos anos, relativos a diferentes áreas de traballo político.

Rubén Pérez, Marga L. Barreiro e Xosé Lois Jácome, concelleiros/a do grupo municipal da Marea de Vigo participaron activamente no debate da asemblea e presentaron un resumo da actividade política municipal dos últimos meses.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, fixo unha exposición sobre a situación do urbanismo na nosa cidade, centrada no proceso de redacción do novo PXOM e na Ordenación Provisional, instrumento que será aprobado de xeito definitivo nos próximos meses. Pola súa banda, Xosé Lois Jácome explicou, no referente ao traballo municipal, a posición da Marea de Vigo en canto a diversos temas, destacando entre estes a contratación pública, o referente ao accidente do Marisquiño ou a xestión da auga.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone