COMUNICADO DA MAREA DE VIGO EN APOIO A CARLOS SANTIAGO

COMUNICADO DA MAREA DE VIGO EN APOIO A CARLOS SANTIAGO E AO GOBERNO DE COMPOSTELA ABERTA, CONTRA A ESCALADA REPRESIVA POR PARTE DO RÉXIME E POLA LIBERDADE DE EXPRESIÓN.

O ano pasado foron a por Xosé Manuel Sande, Concelleiro de Cultura no goberno da Marea Atlántica na Coruña. O motivo da denuncia: un cartel promocional do Entroido no que aparecía unha persoa disfrazada de Papa cunha copa de viño na man, o que, segundo o Arcebispado compostelán, “fire os sentimentos dos crentes.” A denuncia, loxicamente, foi desestimada polo xuíz.

Este Entroido, a caverna máis rancia dirixiu os seus ataques contra o pregoeiro do Entroido compostelán, o dramaturgo Carlos Santiago, contra Martiño Noriega e contra o goberno de Compostela Aberta. O motivo: unha sátira do Apóstolo e da virxe do Pilar en ton desenfadado dende o Pazo de Bendaña. Nesta ocasión, uníronse ao coro do Arcebispado compostelán e de El Correo Gallego, o PP de Compostela e Zaragoza e o mesmo Presidente do Goberno, Mariano Rajoy. Ningunha fonte foi capaz de reproducir as expresións supostamente ofensivas do pregón. O que si se recolleu por escrito foron as ameazas de morte que recibiron tanto o alcalde, Martiño Noriega, coma o pregoeiro Carlos Santiago.

Non nos enganemos, diante desta campaña mediático-política agóchanse intereses moi concretos:

1-Atacar aos gobernos municipais das mareas, algo no que chove sobre mollado. As elites tradicionais e o seu brazo político, o PP, rabian por recuperar uns concellos que crían lles pertencían por dereito natural ou divino e non escatiman en medios para calumniar e desprestixiar o que representan as mareas: outra forma de facer política ao servizo das maiorías sociais e non dos intereses duns poucos.

2-Os sectores máis reaccionarios teiman en recuperar a hexemonía cultural que mantiveron durante o franquismo. Por iso, aproveitan todas as fendas para tentar devolvernos a esa longa noite de pedra na que o Entroido, esa expresión subversiva, estaba prohibido. Por iso reivindicamos o Entroido como parte esencial da nosa cultura, como ferramenta para, a través da creatividade e o humor, darlle a volta á orde establecida por uns días. Na guerra cultural declarada pola caverna, que converte o Entroido nun campo de batalla, non podemos dar nin un paso atrás na defensa da liberdade de expresión.

3-Todas estas situacións amosan que nos atopamos nun período no que os dereitos e as liberdades máis básicas están ameazadas. Asistimos nos últimos meses a un máis que evidente xiro autoritario no Estado español. A criminalización da disidencia, aínda nos casos máis absurdos, pretende amordazarnos e amedrentarnos, desbotar a idea de que hai alternativa, facernos retroceder aos tempos predemocráticos máis escuros. Fronte ao medo, a nosa arma ten que ser a solidariedade entre as de abaixo, actuar unidas en defensa das nosas mareas en todos os ámbitos nos que nos pretenden criminalizar: nas mobilizacións, nas redes, na creación artística, na festa.

Por todo isto, dende Marea de Vigo expresamos a nosa solidariedade con Carlos Santiago, Martiño Noriega e Compostela Aberta; reclamamos o cese inmediato de esta campaña de ameazas, insultos e presións de todo tipo e defendemos a liberdade de creación e de expresión como manifestacións da pluralidade e da diversidade cultural que nos enriquece.

A caverna non pasará!

Hai Mareas!

carlos

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone