COMUNICADO SOBRE O DEREITO A DECIDIR

Xogámonos os nosos dereitos, non só os da cidadanía catalá.

As mareas municipais nacemos entendendo que debiamos ampliar a participación cidadá e a transparencia, por iso, dende a Marea de Vigo, non podemos quedar caladas diante dos acontecementos que estamos a ver en Catalunya. É por isto que a Marea de Vigo quere manifestar a súa rotunda condena aos acontecementos autoritarios producidos nos últimos días no Estado español en canto a:

Os conflitos políticos só poden solucionarse con máis democracia. A actuación de determinados tribunais ao ditado do Goberno de Mariano Rajoy, o rexistro de imprentas e de redaccións, a presión a medios de comunicación públicos, as ameazas a funcionarios e a imputación de máis de 700 alcaldes e alcaldesas non só non solucionan o conflito, senón que o agravan, abrindo unha profunda fenda entre o dereito democrático a decidir que supón o referendo do 1 de outubro e a actitude autoritaria do putrefacto Réxime do 78.

Consideramos que a imputación das 712 alcaldesas e alcaldes cataláns que manifestaron o seu apoio ao referendo do 1-O é un ataque ás e aos representantes lexítimos do pobo catalán e polo tanto á vontade expresada nas urnas. Unha fuxida autoritaria do Estado ante a súa absoluta incapacidade de dialogo. Os herdeiros dos que impuxeron acordos no 78 con ruído de sables, son incapaces de abandonar as súas costumes antidemocráticas.
A prohibición do debate en Madrid sobre o dereito a decidir, representa un ataque frontal a liberdade de expresión e reunión, ademais dun absoluto despropósito xurídico, cos mesmos criterios cos que non se permite este acto, poderíanse prohibir debates sobre a eutanasia, a marihuana ou calquera tema que a día de hoxe non fora legal no Estado. Non está de máis lembrar que o mesmo xuíz que prohibe o acto, fixo declaracións hai un tempo (non sendo aínda xuíz) expresando que “a xustiza avanzaría moito senón houbese avogados”.
Impedir a celebración de actos , acolléndose a que o acto “non contaba con autorización expresa da Delegación do Goberno” non é máis que unha deriva antidemocrática e fascista do goberno central. Un ataque intolerable á liberdade de reunión e expresión que só busca a prohibición de actividades públicas dunha opción política lexítima e que conta con representación institucional.

Os debates políticos, deben solucionarse politicamente, o debate que a sociedade catalá quixo abordar e solucionar con métodos pacíficos e democráticos,o goberno español pretende silencialo incautando urnas e papeletas, rexistrando imprentas ou pechando páxinas web. Calquera persoa ou colectivo democrático debe opoñerse a esta deriva fascista. As derivas autoritarias sempre seguen a mesma estratexia. Primeiro se criminaliza a un colectivo, póñense en marcha os mecanismos do Estado xunto a toda a súa maquinaria mediática e xudicial afín, mais, despois esta mesma maquinaria ponse en marcha contra calquera colectivo molesto para os falsos consensos do 78. Hoxe é o pobo catalán, mañá calquera de nós.
A cidadanía ten dereito a posicionarse en relación ao que afecta a calquera aspecto da súa vida. As urnas nunca deben ser un problema, senón unha solución. Defendemos radicalmente o dereito a decidilo todo.
Consideramos que, en pleno século XXI, non se deberían pór impedimentos para abrir colexios electorais e, menos, se cabe, se debería perseguir a simple tenencia de urnas. Por iso, cando as forzas políticas, xurídicas e policiais actúan como inimigos da democracia, non está actuando só contra aqueles cidadáns que defenden a independencia, senón que están negándolle ao conxunto da sociedade catalá poder votar e expresarse en liberdade.
Que a represión contra a autonomía, o Parlamento e o Goberno catalán constitúe un grave atentado contra a democracia e unha involución inaceptábel.

Que as liberdades democráticas de expresión (artigo 20), reunión e manifestación o 21) e participación (artigo 23), recoñecidas na CE, son unha conquista da loita popular democrática contra a ditadura e que non imos permitir a súa privatización polo Partido Popular.

Que Galiza, Catalunya, Euskadi e calquera pobo do Estado español que así o decida libremente, teñen dereito a decidir sobre o seu futuro político e a relación que libremente desexan establecer co Estado español: federal, confederal ou a plena independencia.

Que o día 1 de outubro o pobo catalán debe poder votar libremente e sen inxerencias.

Todos os dereitos e liberdades que están a ser negados hoxe en Catalunya son dereitos e liberdades que mañá estaremos en risco de perder o resto de cidadáns que vivimos no Estado. Defender o dereito a decidir hoxe é defender os dereitos e liberdades de todas polo presente e polo futuro.

Vigo, 20 de setembro de 2017

DKL6zxFXcAElFAq

 

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone