Crónica da Asamblea do 20 de abril

O pasado mércores 20 de abril a Marea de Vigo celebrou outra das súas Asembleas Abertas á Cidadanía.

No magnífico espazo do Teatro Ensalle e nun inmellorable ambiente de fraternidade, case un cento de persoas xuntámonos co obxecto de por en común as nosas ideas e accións políticas.

  • Os Grupos de Traballo informaron do seu funcionamento nos últimos meses, animando a todas a sumarse a eles, e así aumentar a potencia e riqueza da Marea nos seus seguintes pasos. Tamén se ratificou o labor do Grupo de Folla de Ruta no artellamento dun espazo de esquerda a nivel provincial.
  • No “Espazo de encontro coas Concelleiras” estas denunciaron os atrancos antidemocráticos que o Goberno Municipal está a facer á súa labor de oposición, fixeron balance do seu primeiro ano de traballo no Concello e sinalaron as liñas da súa estratexia para a acción institucional. Despois deuse voz ás asistentes, que lle amosaron o seu apoio e lles fixeron algunhas indicacións e suxestións.
  • Seguidamente, pasouse a tratar os procesos de confluencia a nivel galego, nomeadamente a organización “En Marea” e a iniciativa “Mareas en Común”.

No punto adicado a “En Marea” a asemblea ratificou por unanimidade as emendas que se lle fixeron á proposta de regulamento desta organización política galega; resumidamente: a integración da Marea de Vigo na súa mesa coordinadora, que todas as convocatorias e actas das xuntanzas desta coordinadora sexan comunicadas a todas as “mareas municipais” de Galicia e finalmente, que se aposte pola forma dun partido, e non unha coalición, cara as próximas eleccións.

  • En canto a iniciativa de “Mareas en Común”, explicouse a súa natureza, aberta a participación individual, e animouse a que tamén as viguesas se inscriban na construción deste novo espazo político así como no de “En Marea”.
  • Finalmente chegou a quenda aberta, onde unha ducia de persoas colleron a palabra para expor as súas ideas, iniciativas e inquedanzas nos ámbitos da cultura, a igualdade, as problemáticas da sanidade pública, os dereitos sociais e a vivenda… Fechamos este punto coa aprobación por unanimidade da proposta dun compañeiro, pola cal a Marea de Vigo amosa o seu apoio ás Marchas da Dignidade que se celebrarán o 28 de maio en Lugo.

Despedímonos co convite a espallar e asinar o manifesto da Marea de Vigo, a apuntarse nos Grupos de Traballo, e a asistir ao próximo Plenario que se celebrará na primeira semana de Maio e xa pensando na próxima Asemblea Aberta á Cidadanía.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone