Marea de Vigo considera delirantes as promesas do alcalde sobre o emprego en humanizacións

Marea de Vigo lembra que esa “tolería” de 7.000 postos de traballo ao mesmo tempo nas humanizacións significaría que sería a primeira “empresa” da cidade por enriba de PSA, Povisa ou o mesmo Concello.
O candidato da Marea de Vigo, Rubén Pérez, pide “contención verbal” ao alcalde, que hoxe adicou boa parte da súa intervención pública na Porta do Sol en descualificar á Marea de Vigo e as forzas políticas que a compoñen.

MAREA DE VIGO lembra que o actual modelo de humanizacións non xera emprego digno e estable, mesmo o Tribunal de Contas está auditando os contratos das humanizacións de 2010 (o primeiro PLAN E) porque existe a sospeita de que simplemente serviron para que alcaldes inaguraran prazas, rotondas e rúas, e empresas privadas engordaran as contas de resultados, e non para crear emprego como era a orixe da subvención económica cara aos concellos dende a administración central.

Rubén Pérez sinalou como “terrible discurso propio da dereita rancia” axitar a pantasma anticomunista para descualificar as persoas que compoñen a MAREA DE VIGO e sinala que Abel Caballero e outros membros da súa candidatura (e actuais concelleiros/as) militaron no comunismo “aínda que como plataforma de lanzamento para medrar na universidade e no sindicalismo de clase en vez de traballar pola maioría social da cidade que é a clase traballadora”

A MAREA DE VIGO, que hoxe precisamente celebra en Pardavila un acto co escritor Xosé L. Méndez Ferrín, sobre memoria democrática, lembra que Vigo non se entende sen a loita desas persoas que dende militancias políticas plurais foron quen de enfrontarse ao réxime franquista e moitos aínda seguen loitando contra as inxustizas de todo tipo: recortes, privatizacións, uso arbitrario dos recursos públicos, etc…

O nerviosismo que Feijóo e Abel Caballero comparten fai pensar á Marea de Vigo que asistimos a unha estratexia pactada de tentar que “nada se mova nin cambie” no Concello de Vigo nin na Deputación.

candidatos

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone