Marea de Vigo reflexiona sobre o seu percorrido e a importancia que ten como proceso de ruptura democrática e empoderamento cidadá

Parte da candidatura da Marea de Vigo, Rubén Pérez candidato a alcaldía de Vigo e Charo Romero xunto con integrantes da Marea como Vicente Ferreiro, Xurxo Martínez e Tareixa Otero participaron na tarde do xoves ás 20:30 nun coloquio no Café de Catro a Catro. Baixo o título de “Non é unha campaña, é un proceso. As mareas como espazos de confluencia” a Marea de Vigo congregou a un nutrido auditorio para reflexionar en común sobre a xestación, proceso e parto da propia marea local, dentro do contexto das mareas galegas.

Con este coloquio fíxose un repaso e valoración dos meses andados, xusto en medio da campaña, coa intención de poñer en valor que a Marea non naceu para quedarse nas institucións o vindeiro día 24 senón para continuar no proceso de acumulacións de forzas e a creación dun espazo de ruptura que remate co réxime bipartidista, procure a creba democrática e abra un novo proceso constituínte, no cal tal e como interpretan parte dos integrantes da Marea de Vigo, Galiza participe como nación de seu. Neste sentido os intervintes destacaron a importancia de que a Marea se convertese nun foro de participación cidadá que procura a suma do que une e a loita polo ben común. Salientouse que o proceso da Marea continuaba a sumar persoas e colectivos de moi diversa procedencia que se moven nos marcos de ruptura e transformación socioeconómica. Así mesmo se destacou que a Marea asumira, como recolle o seu programa, as demandas cidadás ligadas ao 15M.

Neste coloquio, que xerou un posterior debate e diálogo co público, a Marea de Vigo fixo fincapé na importancia do traballo ideolóxico para concienciar a cidadanía e distinguirse daqueles que comprenden a “cousa pública” como mera xestión.

foto_coloquio

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone