Os barcos ao mar e os cartos para servizos sociais

bernardo-alfageme-2010

foto de 2010 no estaleiro Cardama, ao rematar a súa restauracióbn para navegar

O Bernardo Alfageme chegou aos nosos días grazas a sucesivas loitas pola defensa do noso patrimonio. A Federación Galega pola Cultura Marítima, que reúne a 17 asociacións de todo o país, leva anos reclamando a protección, recuperación e difusión deste buque que representa a historia da cidade de principios do s XX de xeito excepcional. Este arrastreiro é o testemuño vivo de toda unha xeración mariñeira que fixo de Vigo a primeira potencia mundial da pesca. Foi encargado por Bernardo Alfageme en 1944, un dos maiores representantes da actividade conserveira de Vigo, e construído polos estaleiros Barreras cunha técnica de construcción con remaches da que practicamente xa non quedan exemplos.

Malia a todo o que representa, o seu grande valor patrimonial non o salvou dunha longa serie de despropósitos administrativos que o puxeron ao borde do desguace en 1999. Foi grazas ao movemento veciñal que se conseguiu o indulto, e nun acordo plenario do 27 de marzo de 2000 aprobábase por unanimidade a doazón pola que o propietario do buque o entrega ao pobo vigués, baixo a condición de que o buque pase a ser Patrimonio Histórico Marítimo de Vigo “coa finalidade de aproveitamento cultural” 

Durante catro anos xorden numerosas iniciativas de diferentes colectivos que apostan pola creación dun pantalán de buques históricos, e en 2005 os técnicos de Patrimonio elaboran un informe en que propoñen tres posibilidades: Rehabilitalo e poñelo a navegar, cun custe de 700.000 euros; rehabilitalo para instalalo en terra visitable ou rehabilitalo apenas exteriormente e situalo nun lugar inaccesible. De entre as 3 opcións, a daquela alcaldesa Corina Porro decidiu que a última era a mellor para lle dar un uso cultural.

Mais na realidade non se leva a cabo ningunha das tres propostas, e os custos de mantemento fóronse acumulando até chegaren a equipararse aos custos dunha rehabilitación completa e de pólo a navegar, isto é, da primeira opción. Agora, Abel Caballero, ante un novo informe no que se estipula que o custo de musealización sería o mesmo có que supón chantalo no medio e medio dunha rotonda, decide que a “opción rotonda” é sen dúbida a que mellor cumpre coa “finalidade de aproveitamento cultural”, para abraio das e dos técnicos do sector e do sentido común da cidadanía. 

Tanto lle tiveron ao grupo de Goberno as conclusións do informe elaborado pola federación veciñal. Nel expóñense os beneficios que tería de cara ao turismo, e o seu aproveitamento didáctico para o colectivo escolar. No informe póñense exemplos de boas prácticas noutros concellos como o museo de San Sebastián, o de Barcelona ou os casos da Bretaña e Normandía, que fan do turismo cultural en torno á súa tradición mariñeira un potencial económico. As persoas expertas en patrimonio nos foros internacionais poñen o exemplo destas malas prácticas da administración viguesa como o que nunca habería que facer cun elemento cultural.

Estamos, pois, ante un atentado consciente contra o noso patrimonio. A pinga que reborda o vaso da nosa paciencia é que aínda o goberno queira vender este cúmulo de despropósitos e malas decisións como algo positivo para o barrio de Coia e para a cidade de Vigo. Chantar o patrimonio nunha rotonda, isto é, nun lugar que nin sequera é accesible para visitantes, preséntase como unha intervención de mellora estética. O que precisamos os veciños e veciñas, nun momento de emerxencia social onde a taxa de pobreza e risco de exclusión social baten brutalmente no barrio, son axudas sociais e máis e mellores servizos públicos que cubran as nosas necesidades básicas e melloren as nosas condicións de vida e non decoracións excéntricas.
É dicir, este goberno nin está facendo unha labor polo patrimonio nin polos veciños de Coia. Pola contra os veciños e veciñas do barrio e os colectivos de defensa do patrimonio están demostrando que a cidadanía organizada é capaz de decidir que é o mellor para os intereses da maioría. Dende a Marea de Vigo todo o noso apoio para eles.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone