Desde a nosa aposta
polo sector público, comprometémonos a loitar contra a externalización e
privatización dos servizos públicos como a recente xestión privada do servizo
de multas en Vigo, apostando pola contratación directa con criterios de
transparencia e igualdade e potenciando a representación social nas mesas de
contratación.
Desde esta
premisa, consideramos tamén necesaria unha mellora na xestión da oferta pública
de emprego incluíndo criterios de inclusión social, así como os relacionados
coas diversidades funcionais, baixo un principio de igualdade.
-O proceso de
oposicións no Concello de Vigo debe ser sempre un exemplo de transparencia e de
igualdade de oportunidades; é preciso eliminar todas as dinámicas, dentro da
xestión das probas de acceso, que non aseguren tal principio entre as persoas
participantes.
- Publicidade e
transparencia en todos os contratos menores e maiores mediante a súa
incorporación ás webs do Concello dun xeito claro e de fácil acceso. De nada
vale depositar toda a información dun modo que non sexa sinxelo para a
veciñanza poder acceder á información que precisa.
- Prohibición de
contratación de persoas e empresas con xuízos orais abertos relacionados con
causas de prevaricación.
- Inclusión de criterios de
sustentabilidade e responsabilidade social corporativa nos contratos coa
administración pública.
- Incluirase unha
cláusula de obriga de subrogación do persoal nos concursos públicos para
contratos de concesionarias do Concello de Vigo. Á marxe do disposto nos
convenios colectivos de aplicación, nos que moitos non contemplan este dereito,
co obxectivo de manter os postos de traballo daquelas persoas que presten os
seus servizos nas empresas adxudicatarias, se garantirá a subrogación dos
cadros de persoal.
- Cambiar os criterios de
valoración dos concursos públicos onde actualmente prima o custe do servizo
sobre a calidade e eficiencia do mesmo.
- Servizos de
calidade: como medida de rexeneración democrática do noso Concello e en base ao
propio Regulamento do Concello, debe ser creada a Comisión de Vixilancia das
Concesionarias Públicas, e, co fin de acadar o máximo rigor e transparencia nas
contratacións, facultando a inspección do Concello. O obxectivo principal
desta, alén do reflectido no propio Regulamento, basearíase en velar polo cumprimento
das seguintes cuestións:
- Cumprimento dos pregos de condicións (Técnico e
Administrativo).
- Cumprimento das melloras ofertadas.
- Cumprimento dos convenios colectivos en vigor que afecten aos
cadros de persoal. Se houbese incumprimento das obrigas contractuais esenciais
indicadas, en base á lexislación que
así o ampara, as concesionarias poderían perder
os contratos ou/e ser
sancionadas económicamente, segundo o incumprimento. Puidendo chegar, nalgún
caso, a ter que indemnizar ao Concello polos danos e perdas producidos, asumindo
o Concello a xestión e explotación total ou parcial dos servizos públicos en cuestión.
A devandita comisión reuniríase
trimestralmente, tendo a facultade de elaborar informes
de funcionamento dos anteriores puntos vinculantes.
Estaría formada por:
Unha persoa responsable da Dirección Municipal do Contrato
Unha persoa responsable xurídica do
Concello
Unha persoa responsable da Área de Patrimonio
Unha persoa membro da Área de Contratación
As/os representantes das/os traballadoras/es
Unha persoa representante da Concesionaria