logo Marea de Vigo

30
Presentada por Marea de Vigo

Proposta:

As nosas propostas programáticas inspíranse nunha concepción da calidade educativa que está indisolubelmente unida ao carácter público do ensino como garantía do exercicio do dereito universal á educación en condicións de igualdade.

Sendo conscientes das poucas competencias que actualmente teñen os concellos en materia de educación, desde a premisa da mellora das condicións da cidadanía desde a administración máis próxima, defendemos tamén un incremento das competencias municipais no ámbito educativo como requisito necesario para mellorar e adecuar a cada realidade concreta á oferta pública dos diferentes tipos de ensinos. Para iso o Concello de Vigo debe ter un papel protagonista na planificación global e nas condicións materiais dos ensinos regulados e non regulados que se impartan no seu ámbito territorial. Para acadar isto, propoñemos:

- Creación de talleres de educación viaria, educación ética e cívica, educación para a cidadanía, educación para a saúde, educación ambiental, educación sexual, etc., durante o horario extraescolar.

- Creación de programas dirixidos por profesionais da pedagoxía de integración laboral, para persoas con discapacidade psíquica, física e sensorial.

- Mellora das bolsas municipais para subvencionar os comedores dos colexios públicos, para que ningún neno ou nena se quede sen comer no comedor.

- A Marea de Vigo terá en consideración da educación orientada á inclusión, contemplando a mellora de dotacións nas aulas, tanto en materia de novas tecnoloxías como na oportunidade de creación de aulas intelixentes máis aló do primeiro ensino infantil.

- Posibilitar a formación permanente de profesorado e ANPAS, e as súas oportunidades para acceder ás novidades en materia educativa así como a programación en proxectos ou actividades colaborativas, aptas para ao alumnado con necesidades educativas diversas.

- Mediaremos para o aumento de persoal docente e de orientación, especialmente no eido da orientación específica.

- Desenvolvemento de cursos de formación e especialización, con especial atención a persoas adultas, en risco de exclusión e con especiais dificultades de inserción laboral.

- Fomento de formación nas novas tecnoloxías para o mellor aproveitamento persoal e empresarial, baseado na utilización de tecnoloxías socialmente xustas e economicamente sustentábeis, co emprego de software libre e formatos estándares e abertos.

- Organización de obradoiros, charlas e conferencias para o fomento da cultura.

- Creación dunha rede de Bibliotecas Municipais

Vigo é unha cidade con 300.000 habitantes (500.000 incluíndo a área metropolitana) que só conta con dúas bibliotecas públicas: a Biblioteca Central, no Casco Vello, e a Biblioteca Xosé Neira Vilas, no Calvario. Non existe polo tanto unha rede municipal de bibliotecas axeitada dada as dimensións da cidade.

As bibliotecas garanten o dereito de todas as persoas a acceder á cultura (libros, música, internet, cines e actividades culturais) independentemente dos seus recursos económicos ou do barrio en que vivan. Apoian o traballo dos colexios, promoven a lectura, facilitan tanto a formación das persoas maiores como a da mocidade. Axúdannos na procura de emprego, dannos un lugar de encontro para a xente do barrio onde informarnos das actividades e promover e preservar a cultura local.

A cidadanía de Vigo non pode seguir sen contar cun servizo de bibliotecas nos barrios, xa que isto entorpece o desenvolvemento cultural e intelectual de toda a poboación e a sitúa na cola das cidades do estado en canto a Servizos Públicos de Bibliotecas.

 

Comparte a proposta

¿Para que serve esta web?

Esta web serve para elaborar de xeito colectivo o programa que a Marea de Vigo presentará o próximo mes de maio ás eleccións municipais.

Calquera persoa que teña asinado o manifesto da Marea pode presentar aquí a súa proposta, así como valorar, e enmendar ou suxerir melloras ás propostas publicadas.

Isto significa que este foro é unicamente para debatir sobre programa. Consulta a web da Marea de Vigo para ver outros procesos de participación abertos.