logo Marea de Vigo

Proposta:

     Defensa e mantemento da toponimia tradicional de Vigo.

O Concello de Vigo foi pioneiro en Galicia na protección, defensa e mantemento da toponimia tradicional, sendo un exemplo para outros Concellos que teñen o deber de protexer o patrimonio material e inmaterial. Existe unha lexislación a nivel estatal e autonómico, ademais dun acordo plenario do Concello de Vigo que expoñemos a continuación:

Lei 10/2015, do 26 de maio, para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (BOE núm. 126, 27-V-2015), sinala no Título I, Artigo 2, que terán consideración de bens de patrimonio cultural a toponimia “como instrumento para la concreción de la denominación geográfica de los territorios”.

Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, (DOG, núm. 92, 16-V-2016), en que se declara no artigo 9.3 que son “bens de patrimonio cultural inmaterial para os efectos desta lei” a toponimia. Ademais, no artigo 35.2, sobre a protección do patrimonio cultural na formulación urbanística, di que “a normativa e a proposta de ordenación prevista nos instrumentos de formulación urbanística garantirán a salvagarda dos valores culturais dos bens do patrimonio cultural” como é o caso da toponimia tradicional. O artigo 68.2 abunda sobre o mesmo: “A Xunta de Galicia velará, xunto con outras institucións da Comunidade Autónoma, pola preservación da toponimia tradicional, que se considera un valor identitario da Comunidade Autónoma así como un instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos pobos e dos seus bens”.

Acordo plenario do Concello de Vigo do día 25 de outubro de 2004, onde se destaca a tarefa realizada dende o concello na elaboración dun censo de microtoponimia (do cal xa se editaron varios volumes de parroquias viguesas), e do que de novo Vigo foi pioneiro entre os municipios galegos e estatais. Nese acordo (impulsado pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, o Instituto de Estudos Vigueses, a Asociación Galega de Onomástica e a Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao), aprobado por unanimidade do pleno, lese que “na denominación oficial das diferentes realidades xeográficas (entidades de poboación, urbanizacións, prazas, rúas, complexos urbanísticos, bloques de edificio etc.) preferirase sempre un topónimo tradicional antes que fórmulas de nova invención.

En canto ás recomendacións dos organismos culturais internacionais, cómpre destacar a declaración do Grupo de Expertos de Nacións Unidas para os Nomes Xeográficos realizada o 28 de maio de 2014. Neste documento declarouse que a toponimia é unha parte integral do patrimonio cultural intanxible xa que “constitúen compoñentes esenciais das linguas e conservan formas que evidencian a súa evolución” e porque “son valiosas testemuñas da historia e dos modos de vida pasados ou actuais”. A esta declaración sumouse a Real Academia Galega, institución e autoridade en materia de lingua galega no noso territorio.

Polo tanto, a Marea de Vigo considera que o Concello debe asumir esta lexislación (estatal e autonómica), o acordo municipal e os consellos dos organismos internacionais expertos na materia.

A nosa proposta é a combinación da protección da toponimia tradicional e o fomento da chamada toponimia conmemorativa ou de repertorio (nomes de persoas, feitos históricos ou outras realidades que se queiran homenaxear no rueiro municipal), de xeito que vindeiras denominacións das realidades xeográficas teñan como nome oficial o da toponimia tradicional, coa opción á combinación cunha dedicatoria a unha figura ou feito escollido polo propio Pleno. Por exemplo: “Rúa Real. Dedicada ao editor Juan Compañel”.

 

Comparte a proposta

¿Para que serve esta web?

Esta web serve para elaborar de xeito colectivo o programa que a Marea de Vigo presentará o próximo mes de maio ás eleccións municipais.

Calquera persoa que teña asinado o manifesto da Marea pode presentar aquí a súa proposta, así como valorar, e enmendar ou suxerir melloras ás propostas publicadas.

Isto significa que este foro é unicamente para debatir sobre programa. Consulta a web da Marea de Vigo para ver outros procesos de participación abertos.