logo Marea de Vigo

Proposta:

    Pola normalización da lingua.

Esta é unha proposta feita pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL):

A normalización lingüística é un proceso social que procura a xustiza no ámbito sociolingüístico, para que os galegos e as galegas poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que só nos pode dar a lingua propia do noso territorio. É responsabilidade de todos e de todas contribuírmos deste xeito a manter a diversidade e a riqueza lingüística e cultural do mundo, para que poidamos preservar esas visións e chamarlles ás cousas cos nomes xenuínos que aquí se lles deron.

As Administracións teñen a obriga legal e a responsabilidade social de apoiar e promover ese proceso e, así, deben implementar políticas lingüísticas activas, dinámicas e integradoras que poñan en valor a lingua propia e que fomenten o seu uso e prestixio en todos os ámbitos, para procurar que o galego se use con normalidade no comercio, no deporte, no asociacionismo, entre a mocidade, nas novas tecnoloxías, no ensino, na cultura, na comunicación, no lecer, nas empresas, nos parques, nos centros de saúde etc.

No caso das administracións Locais, esta competencia en materia de normalización lingüística vén establecida na lexislación lingüística galega e foi analizada recentemente pola Dirección Xeral de Administración Local no documento “Informe sobre a prestación do servizo de normalización lingüística pola Administración local, en exercicio de competencia propia” (https://i.gal/Cs85X). Este texto aclara que as administracións locais teñen competencia nesta materia. Para deseñar e executar as súas políticas en calquera área, os concellos dótanse de instrumentos técnicos: os Servizos de Normalización Lingüística (SNL).

No entanto, os SNL que existen na actualidade nas diversas administracións locais caracterízanse, en boa medida, pola inestabilidade laboral (https://i.gal/G8mlc), o que condiciona a súa permanencia na institución e o aproveitamento da formación e da experiencia dos/das técnicos/as de normalización lingüística. A consolidación definitiva dos SNL nas institucións é unha necesidade para crear unha rede de traballo estable no conxunto do territorio, que poida desenvolver accións locais, colaborar en proxectos supramunicipais (algúns xa existentes como Apego, Youtubeiras e Youtubeiros ou o Club de Debate), e desta forma chegar coas accións de promoción do uso e do prestixio da lingua a unha poboación maior.

Por outra parte, o traballo colaborativo na promoción da lingua desde as administracións locais viuse reforzado grazas á recentemente creada Asociación de Entidades Locais pola Lingua (https://i.gal/3nXpm). A constitución desta entidade ten como obxectivo mellorar a xestión dos proxectos do ámbito da normalización lingüística que desenvolven simultaneamente e de forma colaborativa diferentes entidades locais. Na actualidade, está integrada por 15 concellos e está aberta á incorporación de novas entidades locais sempre que desenvolvan políticas en prol da normalización lingüística e conten no seu organigrama cunha unidade técnica dedicada a executalas.

De acordo con todo o anterior, pularemos por poñer en valor a lingua propia e fomentar o seu uso e prestixio en todas as accións do concello e en todos os ámbitos e sectores do municipio, para o que se potenciará e consolidará un Servizo de Normalización Lingüística (SNL) estable, dotado de recursos humanos e partida orzamentaria suficientes, cuxa función será planificar, xestionar, executar e avaliar as accións e medidas axeitadas para o fomento do uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais. Co fin de optimizar recursos, ideas e experiencias, estudarase a incorporación do concello á Asociación de Entidades Locais pola Lingua. 

Comparte a proposta

¿Para que serve esta web?

Esta web serve para elaborar de xeito colectivo o programa que a Marea de Vigo presentará o próximo mes de maio ás eleccións municipais.

Calquera persoa que teña asinado o manifesto da Marea pode presentar aquí a súa proposta, así como valorar, e enmendar ou suxerir melloras ás propostas publicadas.

Isto significa que este foro é unicamente para debatir sobre programa. Consulta a web da Marea de Vigo para ver outros procesos de participación abertos.