A CUESTIÓN ALIMENTARIA: SOBERANÍA ALIMENTARIA, PRODUCIÓN LOCAL, MERCADO DE PROXIMIDADE, CONSUMO RESPONSABLE
A cuestión alimentaria é un aspecto determinante do desenvolvemento socioeconómico, e é o local o escenario por excelencia onde se poden desenvolver políticas a prol dos problemas máis próximos e pódense ofrecer solucións máis efectivas en función das necesidades, cun enfoque de participación social; sendo os gobernos locais os que deben conducir e guiar este proceso.
Cómpre un cambio radical de políticas, pois chegamos ao cénit do petróleo, o que incide significativamente na alimentación, xa que as masivas importacións e exportacións de alimentos afectan de modo relevante ao deterioro medioambiental. O modelo de consumo neoliberal impuxo un modelo de transportes e de infraestruturas, potenciando o consumo masivo de combustible e as grandes obras. E este modelo de consumo leva implícito un modelo de produción, intensiva e industrial, que levou aos produtores locais a abandonar as súas pequenas explotacións, pois a masiva importación de alimentos baratos, producidos industrialmente nos países centrais e cunha agricultura subvencionada, destruíu a produción local, cambiou hábitos de consumo, fraxilizando e precarizando ao campesiñado, a economía e a biodiversidade locais.
A crise alimentaria non é unha crise de produción, senón de políticas agrarias, comerciais e económicas neoliberais. A alimentación está en mans de transnacionais que controlan o mercado, distribución, calidade e prezos, tanto na orixe, produtores, como en destino, consumidores. A alimentación non pode seguir a ser obxecto de especulación nin ter como finalidade a obtención de beneficios empresariais.
A confluencia da crise alimentaria coas crises climática, enerxética e financeira é un síntoma dunha crise sistémica que xera a necesidade, pero tamén abre a oportunidade, de novas políticas, que desde o local supoñan propostas alternativas á situación actual.
En oposición a esta situación de dependencia dos grandes lobbys alimentarios, desenvolveuse o principio da soberanía alimentaria, un principio de dereito humano básico, que se entende como o dereito político dos pobos de poder decidir as súas políticas alimentarias e agrarias.
Desde esta visión, os alimentos enténdense como parte da nosa cultura, da nosa identidade, inflúen na nosa saúde e son fonte de traballo para moitas persoas; e coa produción alimentaria constrúese, ademais, a nosa paisaxe e o noso medioambiente: e implica a priorización da produción local e supón un modelo máis respectuoso cos ecosistemas locais, ademais de defender unhas condicións dignas de traballo do campesiñado.
Desde a soberanía alimentaria enténdese que os recursos naturais -a auga e a terra- son de uso social e para o ben común, impedindo a súa privatización e que poidan converterse en obxectos de especulación. Tamén entende que as sementes son patrimonio dos pobos e non propiedade das industrias transnacionais.
No contexto da nosa cidade, isto significaría que se debe frear a especulación nas zonas periurbanas, priorizar e dinamizar os bancos de terra, coa fin de reactivar a produción hortícola e fomentar a recuperación da actividade agrícola nas parroquias. Así mesmo, crear unha rede de mercados municipais nas parroquias, destinando espazos libres de cargas nos mercados xa existentes, para a venda directa dos pequenos produtores locais e de bisbarra.
Soberanía alimentaria é tamén o dereito dos consumidores a saber o que comen, como se producen eses alimentos, onde e por quen.
En suma, a soberanía alimentaria non é só un dereito do campesiñado, senón de toda a cidadanía; e para conseguilo precísase construír alternativas desde unha perspectiva comunitaria, implicando a todos os axentes sociais, tecendo alianzas desde o local -entre produtores, consumidores, administración, …-, fomentando debates que aborden un consumo responsable e solidario, un uso social e sostible dos recursos naturais. É, pois, unha alternativa, no seu ámbito, fronte das políticas neoliberais.
Desde unha perspectiva de esquerdas debemos implicarnos na construción e defensa do dereito á soberanía alimentaria, o que supón:
a defensa da terra,
a loita contra os transxénicos,
ter en conta a perspectiva de xénero, pois máis do setenta por cento da produción agraria realízana mulleres, sendo determinante para a súa economía,
informar e formar á veciñanza,
apoiar a movementos e asociacións de consumidores e produtores.
PROPOSTAS PROGRAMÁTICAS
-Declarar Vigo como concello promotor da soberanía alimentaria.
-Declarar Vigo concello libre de transxénicos.
-Promover a produción e o consumo de produtos locais; creando ou ampliando un banco de terras municipal para uso agrícola, aumentando o número de hortas urbanas e periurbanas de xestión popular.
-Apoiar as demandas dos usuarios da horta urbana do barrio do cura.
-Promover e incentivar con formación e axudas a actividade agraria local de carácter sostible.
-Poñer en práctica políticas de “km 0” en subministros nos comedores e institucións que dependen do concello, instaurando unha compra pública sostible.
-Facer campañas de promoción e incentivar iniciativas de distribución e comercialización dos produtos locais.
-Promover e incentivar o consumo de produtos locais.
-Fomentar un consumo responsable e respectuoso co medio ambiente.
-Defender e promover proxectos cooperativistas de produción e consumo.
-Impulsar o mercado de proximidade; levando os mercados e as feiras aos barrios e parroquias, destinando espazos libres de cargas, nos mercados xa existentes, para os produtos locais, fomentando unha política de “km 0”, eliminando aos intermediarios.
-Realizar campañas formativas nun consumo responsable.