AVALIACIÓN DA MAREA DE VIGO DAS ELECCIÓNS XERAIS

Onte día 30 de xuño o plenario da Marea de Vigo mantivo unha xuntanza da avaliación dos resultados das eleccións xerais na nosa cidade.

O plenario da Marea de Vigo, órgano de coordinación entre asembleas, celebrou onte unha xuntanza de avaliación coa presenza das e dos concelleiros/as, o comité de campaña e membros dos diferentes grupos de traballo. Nesta avaliación puxéronse en valor os resultados acadados na nosa cidade, onde En Marea lidera amplamente os resultados da esquerda e acadouse un empate técnico co Partido Popular.
A pesar de expresar satisfacción por estes datos, o plenario non é alleo a circunstancia de que o apoio do electorado en Vigo caeu en case 9000 votos e considera necesario unha análise seria das circunstancias que levaron a esta desmobilización que fixo perder a En Marea o liderado claro das forzas políticas na nosa cidade.

Poñemos en valor o funcionamento do comité electoral local,que dentro das forzas dispoñibles, funcionou nun ambiente de cooperación e fraternidade exemplar, lonxe de burocratizacións excesivas e intereses de parte. Sen embargo, atopamos que o comité local tivo dificultades de coordinación a nivel nacional que prexudicaron a organización de actos en Vigo o cal tivo como consecuencia unha falta de presenza que desmotivou a parte da militancia e electorado.

A falta de mailing apuntouse como unha das causas da perdida de apoios, cando a marxe de diferencia é tan axustado, debemos utilizar, de ser posíbel, todas as armas que nos permite o sistema, que xa de por si está feito en contra das alternativas políticas de ruptura co establecido.

O Plenario bota en falta un eixe claro de campaña que si estivo presente o 20D, a mensaxe contundente que enviamos na campaña anterior quedou un tanto diluída desta volta, renunciando a poñer sobre a mesa cuestións programáticas importantes, deixando que a dereita dominase o discurso apoiándose en simplificacións e nunha campaña do medo vergoñenta.

Os problemas de coordinación de En Marea teñen para a Marea de Vigo unha solución clara. Fai falta máis En Marea, é necesaria a súa ampliación e apertura, unha unidade máis forte de cara ás eleccións galegas que deixe a un lado os intereses de parte e teña como única prioridade a confluencia de todas as forzas da auténtica esquerda e os intereses das e dos galegos que están sendo agredidos polas políticas austericidas da dereita coa lamentable colaboración, as veces por acción e as veces por omisión, do PSOE. Para gañar, é preciso sumar vontades, persoas e espazos políticos e sociais ao espazo de ruptura que representa En Marea, actor político que a pesar do tropezo este 26X aséntase como referencia das clases populares deste país, para mudalo todo, para que nada siga igual.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone