Consumo responsábel e soberanía alimentaria

 

Lídia Senra e Belén Fervenza falarán sobre consumo responsábel e soberanía alimentaria na xornada do café da marea feminista.

A deputada no Parlamento Europeo Lídia Senra e a integrante do Sindicato Labrego Galego Belén Fervenza, darán unha charla sobre consumo responsábel e soberanía alimentaria no próximo acto que organiza a marea feminista de Marea de Vigo.

Nun mundo globalizado, cremos que é precisa unha pedagoxía de soberanía alimentaria e consumo responsábel nos tempos que corren. Temos que saber que actualmente carecemos dos dereitos que deberían ter os pobos a alimentos nutritivos, accesibles e producidos de maneira sostible e ecolóxica.

Pretendemos pois con esta charla, abrir o debate e a reflexión de todo aquilo que sabemos que condiciona a agricultura e a alimentación, e por consecuencia ó noso rural. É preciso construír novas realidades sociais e económicas contra o capitalismo e en pro dunha soberanía alimentaria real dos pobos.

Dende o Sindicato Labrego xa alertaron hai anos sobre as consecuencias do cambio climático; o cal está propiciando a emisión de gases nos países máis industrializados; estimando que tamén pode producir a desnutrición de 500 millóns de persoas no mundo, por unha diminución da auga, aumento de pandemias, desastres naturais e perda de superficie cultivable. Por iso, un consumo responsable significa loitar contra o empobrecemento e frear o cambio climático.

Por outro lado, Lídia Senra apuntou xa hai tempo que co modelo de produción imposto polas políticas agrarias temos unha dependencia absoluta do gasóleo e do petróleo, principalmente nos transportes de alimentos dos animais. A dependencia é tanta que cando sube o petróleo, practicamente todos os produtos suben; notándose tamén nos custes de produción. No eido da distribución tamén existe dependencia do petróleo, ao que se lle suma a obriga cada vez maior de envolver todas as verduras en plásticos. Isto non fai máis que producir un modelo de despilfarro enerxético; por iso, o camiño para rachar con todo isto está na información e no debate social sobre as consecuencias a todos os niveis das políticas agrarias e alimentarias, somos a cidadanía as que temos que loitar por un cambio profundo destas políticas. Mercar é por tanto, un acto político: que pasaría se todas mercásemos en mercados locais e de proximidade?

 

alim

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone