COMUNICADO DE APOIO A DIEGO LORES E A ODS

Desde a Marea de Vigo queremos manifestar a nosa solidariedade con Diego Lores e a ODS de Coia que este domingo inicia un peche de 48 horas pola súa absolución co gallo do xuízo que vai ter lugar o vindeiro martes 17.

Diego será xulgado por uns feitos presuntamente acontecidos durante a loita da rotonda de Coia pola colocación do barco Bernardo Alfageme, sobre os que ademais non hai probas demostradas e polos que lle piden 3 anos e medio de prisión mais unha fianza de 30.356 euros. Consideramos que esta farsa estase facendo co único obxectivo de condenar a toda a veciñanza que no seu dia, na loita da rotonda, tratou de expresarse libremente para poñer unha evidencia enriba da mesa sobre o modo de facer política do Concello de Vigo, onde se gastan milleiros de cartos, a capricho, e para beneficio de certas empresas que se puideron lucrar naquela alturae que, xunto a todos os feitos que rodean o acontecido, aínda están por clarificar a día de hoxe.

Condenamos ademais a intención da acusación particular que, indo mais aló que a propia fiscalía, semella estar as ordes de representantes institucionais, feito completamente irresponsable e intolerable por parte dun traballador público.

Se conseguen condenar a Diego, ademais da grave situación persoal na que porían a unha persoa que adica gran parte da súa vida a dar voz e axudar a moitas persoas en risco de exclusión desde o seu traballo na ODS; estarían condenando a toda aquela persoa que, ante unha inxustiza, loita para expresar o seu rexeitamento á mesma.

Cremos que este é o obxectivo que se está procurando, exemplarizar e infundir medo para que esteamos caladas ante o que non consideremos xusto, dun modo déspota e opresor digno dunha tiranía.

Polo tanto, reiteramos a nosa solidariedade con Diego Lores, e coa veciñanza que loitou durante semanas na rotonda de Coia e condenamos toda opresión contra o movemento veciñal e a súa expresión, polo que nos sumamos ao chamamento para acudir tanto ao peche organizado pola ODS coma o martes 17 as 10:30 aos Xulgados acompañando a Diego.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone