Feminizando os espazos comúns

 

Este texto é unha reflexión que parte da Marea Feminista sobre a necesidade de poñer no centro da construción de todos os procesos nos que estamos inmersas o feminismo. Entendemos que, no plano teórico, as persoas que conformamos o suxeito heteroxéneo e abstracto que conforman as mareas concordamos nos intentos de “feminizar” estes espazos e poñer en marcha todas as medidas que poidamos para rematar coas desigualdades xeradas polo patriarcado. Pero na praxe diaria son numerosas as actitudes machistas que se dan en todos estes espazos, e vemos como a miúdo as cuestións feministas quedan relegadas a un segundo plano.

É certo que, partimos da base de que as Mareas/En Marea non van poder ser nunca espazos completamente libres de violencias, xa que o patriarcado atravesa todos os espazos da nosa vida, tamén nos que participamos politicamente, non podendo ser estes espazos puros á marxe do resto da sociedade. Pero aínda sendo conscientes disto, debemos facer todos os esforzos posíbeis por ir configurando unha nova cultura política, onde vaiamos avanzando de cara a participación libre de actitudes discriminatorias por razón de sexo, xénero ou condición sexual. Avanzar erosionando a hipermasculinización, e ir construíndo espazos máis amables para calquera que non se sinta identificada (e moitas veces agredida ou incomodada) polo paradigma do varón branco, heterosexual, occidental e, engadiriamos agora, cunha licenciatura universitaria, (ama de casa migrante como exemplo da xente que raramente vemos nas nosas asembleas de “nova política”).

Estenderémonos un pouco sobre o que para nós debería ser “feminizar a política”. Este concepto pode entenderse desde múltiples perspectivas, e a miúdo a feminización queda reducida soamente á presenza de mulleres na primeira liña, e aínda que non nos parece en absoluto secundaria esta cuestión, non podemos caer en certo esencialismo que supón considerar que a participación de mulleres garantiza, per se, unha maneira diferente de facer política. Debemos facer unha reflexión máis sosegada sobre como participamos as mulleres, e asumir que existen outros modelos de liderado, sensíbeis ás diverxencias, que escoitan máis e impoñen menos, que discuten para buscar consensos, en definitiva, que cooperan. Non podemos esquecer que a miúdo “se nos visibiliza” utilizando a nosa presenza como método de asegurar que a nosa organización / movemento sexa concebida como feminista (e non machista).

Por iso esta visibilización das persoas que habitualmente estamos na segunda liña (todas as que non respondemos á norma de varón blanco heterosexual), debe ir acompañada do cambio completo nos xeitos de facer política.

Referímonos á ruptura coa dominación actual dos denominados roles masculinos en todo o quefacer político, a miúdo adquiridos polas propias mulleres, insertas nunha lóxica perversa que implica que, mentres cunha man se recollen as propostas feministas (no primeiro estadío sempre a nivel cosmético), coa outra se promove, se premia e se celebra que as mulleres nos masculinicemos, adoptemos moitos destes roles masculinos como preparación á nosa conversión en líderes políticos e como forma de “facernos respectar”.

Os debates políticos están profundamente masculinizados. Non só porque estean maioritariamente protagonizados por homes, senón, sobre todo, porque se desenvolven nun campo de xogo do que quedaron excluídas dimensións da vida en común como o coidado, o apoio mutuo ou os traballos non mercantilizados. Cando as mulleres irrumpimos na esfera pública fixémolo nun terreo que orientaba a nosa intervención nese senso, entendendo as relacións de codependencia ou o traballo reprodutivo como incompatíbeis coa emancipación política, coma mecanismos de dominación. As decisións que nos afectan como mulleres están tomadas maioritariamente por homes.

As mulleres que intervimos na política nesta primeira liña vémonos sometidas a un cuestionamento e a unha valoración que inciden no noso aspecto físico, na nosa roupa, na nosa idade, ou na nosa profesión; sobran exemplos. Non se nos valora polo noso discurso nin pola nosa praxe, sendo esta unha forma de violencia que pretende “intimidar e desincentivar” a irrupción da voz de mulleres no espazo político, un feito que para algunhas aínda supón “un desafío”.

Queremos remarcar que o enfoque de xénero resulta enriquecedor dos procesos de transformación social, por sustentar e propor o afondamento inescusábel da democracia (na práctica e no seu contido politico-social), máis alá da política en torno do Estado, e leva, suscita, propón, estende a democracia (e, con ela, o político e o poder) ao nivel das relacións persoais. Como o poder non é só político senón tamén económico, social, cultural, moral, relixioso, e nestes eidos, os procesos de toma de decisión son máis complexos que na actividade política, temos que facer un esforzo por visibilizar tamén que o mundo do privado é parte do político.

Debemos desenvolver un traballo pedagóxico a través das nosas organizacións, tanto cara a dentro como cara a fóra, e tratar de converter os postulados feministas, ou de feminización da política, en costumes máis que en normas, e en aprendizaxes máis que en cumprimentos do protocolo.

Calqueira situación, sen excepción, é axeitada para cuestionar e tratar de reverter as relacións de poder e subordinación que vivimos as mulleres.

Este texto só é unha pequena achega ao debate, para que sigamos profundando en común sobre os enormes retos que temos por diante nesta tarefa de tratar de miminizar as desigualdades que sufrimos diariamente. Concretar estas reflexións en propostas e tarefas concretas debe ser unha cuestión asumida por todas as persoas das mareas.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone