Os intereses do señor Caballero

Abel Caballero acusa a Marea de Vigo de estarmos “botados ao monte” cando se trata de defender proxectos de infraestruturas que cumpran co único requisito de estar ao servizo dos cidadáns e do ben común. Isto demostra que o señor Caballero goberna para os intereses da minoría social que posúe a riqueza da cidade e non depara en distribuír a mesma para os seus intereses, en tempos de desemprego e precariedade para a maioría das familias traballadoras. A súa conduta mostra un malestar cando se critican propostas democráticas e non feitas con base en decretos urxentes que anulan ou modifican sentenzas xudiciais de proxectos globais.
En primeiro lugar, non se trata de que o noso grupo estea en contra da realización de infraestruturas, como o tren de alta velocidade, xa que estas poden ser un progreso nos servizos á cidadanía sempre e cando a súa finalidade estea ligada ao interese social e non unicamente aos beneficios das constructoras ou dos negocios de empresarios e altos executivos financeiros. O que ocorre co AVE é, en primeira instancia, que non garante un desenvolvemento sen impacto ambiental e por iso esiximos un informe medioambiental que secunde a obra; por outra parte, os tramos do AVE xa realizados noutras partes do Estado demostran, nos seus altos prezos, que é un servizo feito para aqueles que o poden pagar, isto é, para facilitar a mobilización daqueles que teñen un alto poder adquisitivo e o necesitan para pechar acordos e negocios para as súas empresas noutras cidades do Estado, por exemplo. Ademais, semella que o alcalde de Vigo non aprende a lección que o Tribunal Supremo impartiu anulando o Plan Xeral de 2008 e, agora, pretende realizar modificacións por vía de urxencia reuníndose coa ministra de fomento, aquela responsábel política que aínda non dimitiu polo accidente de Angrois no que morreron 80 persoas. Na reunión que tivo Caballero en Madrid e na modificación exprés da Lei do solo agóchase o pleno acordo que atinxen PP e PSOE para lexislar en contra da cidadanía nunha materia tan importante como son as infraestruturas, que en Galicia continúan nun estado deplorável e con dificultades de comunicación entre vilas e cidades.
En segundo lugar, semella que o novo Plan Xeral que quere aprobar o goberno municipal segue na mesma liña de beneficiar a grandes empresas e non á cidadanía. Non tardou o alcalde en mostrar a súa preocupación por iniciar canto antes a ampliación de Citroen sen garantía
ningunha de que este novo espazo vaia significar un aumento da plantilla da empresa automobilística. Claro que somos conscientes da importancia que ten esta empresa para a nosa cidade, pois ofrece emprego a 30.000 familias grazas aos postos de traballo directos e indirectos. Agora ben, incidir nun Plan Xeral feito ás présas e coa inseguridade xurídica que aporta a anulación do de 2008, responde unicamente aos intereses do propietario de Citroen.  Esta ampliación nin vai xerar emprego nin pode ser defendida, como di o alcalde, coa seguridade que ofrece o Plan Xeral do 93, único vixente. É por iso que quere outorgarlle o carácter de supramunicipal a este proxecto.
En terceiro lugar, as humanizacións levadas a cabo na cidade polo señor Abel Caballero, xunto coas urbanizacións e grandes superficies comerciais semella ser o único eixo sobre o que lexisla este goberno. Non obstante, sendo as humanizacións necesarias, estas non poden realizarse con base en mellorar a “beleza da cidade” en canto non hai unha mellora das condicións de vida dos veciños e veciñas. Hai familias sen ingresos, parroquias con pouca frecuencia de liñas de Vitrasa, pequeno comercio ameazado, familias sen traballo, etc. por tanto, dende A Marea de Vigo pensamos que se debe manter un equilibrio orzamentario.
Máis o Sr. Caballero seguirá dicindo, como non, que estamos botad@s ao monte.
SONY DSC

SONY DSC

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPrint this pageEmail this to someone