Co gallo do 23 de Setembro “Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de persoas”, a Marea Feminista vén de organizar en colaboración coa Asociación Faraxa (asociación pola abolición da prostitución) unha charla-coloquio para poñer na mesa un tema que preocupa ás feministas e que consideramos que tamén é violencia de xénero: a prostitución e a trata de persoas.
Para iso contaremos coa participación de varias mulleres expertas na materia:
Por unha banda teremos a oportunidade de escoitar a Silvia Pérez Freire, socióloga, investigadora e activista social que publicou no ano 2015 en colaboración con Faraxa o libro “El putero español” onde fala cos homes consumidores de prostitución e sobre cales son os seus motivos para facer uso e mercadoría de mulleres, e falará sobre a prostitución como construción sociocultural patriarcal.
Así como Verónica García, educadora, traballadora social e activista feminista, dende 1997 traballa e colabora en diferentes proxectos ao redor da temática da prostitución, tanto na intervención directa con mulleres como en contextos educativos. A súa ponencia tratará sobre a Trata con fins de explotación sexual.
E por último, teremos a Carmen Lago: técnica social na Asociación Alecrín durante 10 anos (período 1999-2009). Na actualidade é presidenta fundadora da Asociación Faraxa pola abolición da prostitución dende o ano da súa creación no 2009, onde traballa ofrecendo atención e intervención social con mulleres en situación de prostitución e con vítimas de trata sexual. A Asociación Faraxa forma parte da Rede galega contra a trata sexual; ela falará sobre a súa experiencia profesional coas mulleres prostituídas.